Saturday 04 de May de 2024

O primeiro Foro da Industria Galega do Audiovisual analizará os desafíos e as oportunidades que presenta a Intelixencia Artificial para o sector audiovisual


O Concello organiza este evento, que contará coa presenza de numerosos expertos do sector, entre mañá e o 11 de novembro

O primeiro Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA reunirá na Coruña a profesionais e expertos do sector para debater o papel que está a xogar a irrupción da Intelixencia Artificial (IA) na industria, analizando como esta tecnoloxía está a revolucionar a creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais.

O evento foi presentado esta mañá no Concello da Coruña por Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual e Alba Meijide, coordinadora de contidos en Intelixencia Artificial de FIGA.

FIGA celebrarase no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC entre mañá e o 11 de novembro. O evento conta co apoio do Concello, que busca explorar as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial, e máis tras ser escollida a cidade como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “A Coruña volve a situarse á vangarda na busca de explorar novas linguaxes audiovisuais aproveitando o gran potencial do que dispoñemos grazas á futura AESIA e á Cidade das TIC”, sinalou Gonzalo Castro durante o acto de presentación.

No foro intervirán expertos de relevancia internacional como Asa Bailey, supervisor de producción virtual de Netflix, quen será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Nela explicará como posicionar os proxectos nun entorno inundado de contidos de calidade grazas ás aportacións da IA e como o emprego desta tecnoloxía está a afectar á cadea de valor.
Ademais da súa vinculación con Netflix, Bailey desenvolve a súa traxectoria profesional en empresas como Apple TV, NBC Universal, OSF Future ou Saatchi & Saatchi.

Desafíos e oportunidades

FIGA congregará a outros expertos en materias como lexislación, post produción, dirección ou guión, abordando os desafíos e oportunidades que a IA está a presentar para o sector audiovisual. Óscar Olarte, cofundador de MR Factory, fará un repaso das principaisferramentas que empregan IA para acelerar tarefas de pre-produción, produción e postprodución; os avogados Víctor Salgado e Francisco Menéndez explicarán a produtores, guionistas e creadores de contido a problemática que presenta o emprego de IA xerativa para a propiedade intelectual. Gabriel Olarte e Elba Fernández explorarán as ferramentas que a Intelixencia Artifical pon a disposición de compositores e compositoras de bandas sonoras.

Tamén se presentarán proxectos galegos que están a empregar a Intelixencia Artificial nos seus procesos de traballo, como Serea Film, Medretia e PLAT VR.

Debate sobre as inquedanzas do sector

Nas xornadas tamén haberá un espazo destacado para o debate, no que diversos profesionais intercambiarán os seus puntos de vista sobre cuestións que preocupan ao sector, como as implicacións éticas do uso da tecnoloxía na industria do entretemento, que serán abordadas por Amparo Alonso e Fernando Suárez, especialistas en intelixencia artificial, nunha conversa con representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e o Cluster Audiovisual Galego. Carlos F. de Vigo e Pepe Coira falarán dos últimos desenvolvementos en IA e dos desafíos que implica a súa utilización nun relatorio dirixido a guionistas e profesionais da dirección e a realización audiovisual. O foro finalizará cunha mesa redonda sobre interpretación, na que despois dunha presentación a cargo de David Guaita de El Ranchito, se abrirá un diálogo coa avogada Nerea Sanjuan e representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Asociación de profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) sobre as potenciais ameazas que estas aplicacións supoñen para intérpretes de dobradores.